A maioría dos pósitos arousáns rexeitan a xestión conxunta do libre marisqueo

    POBRA> As confrarías arousáns trasladarán ás súas respectivas asembleas a proposta da Consellería do Mar para a xestión conxunta do libre marisqueo. A maioría dos pósitos consideran inviable este modelo de xestión e apostan polo reparto dos bancos en forma de autorización para cada unha das confrarías. A proposta dun plan de explotación conxunto dirixido polas doce confrarías arousáns para a xestión do libre marisqueo semella non convencer ó sector. A maior parte dos pósitos consideran que sería inviable e implicaría numerosas dificultades á hora de acordar aperturas e peches ou deseñar os modelos de control e vixilancia. Confrarías como Pobra ou Rianxo consideran que a solución para acabar ca crise do libre marisqueo sería proceder ó reparto dos tres bancos en forma de autorizacións para cada unha das confrarías. A xestión individualizada de parte dos bancos dentro das concesións de cada confraría repercutiría moi positivamente na súa produtividade acabando coa insostenible situación do libre marisqueo que, quince días despois do seu arranque, apenas é rendible. Ó longo destas semanas boa parte dos pósitos debatirán a proposta de Mar nas súas respectivas asembleas para trasladarlle a súa postura á Consellería.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí