O Damm de Barcelona faise co Torneo Solidario Congalsa de Fútbol Base

A POBRA> Fin de semana deportivo no Barbanza co Torneo Internacional de Fútbol Base Congalsa celebrado na Pobra. Polo estadio da Alta pasaron as canteiras dos mellores equipos non só a nivel nacional senón que contou tamén con presenza de clubs portugueses. Finalmente, o Damm de Barcelona fíxose co triunfo.

O deporte e, sobre toda a solidariedade, inundaron A Pobra esta fin de semana. Máis de 50 equipos participaron no Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base que se disputou durante as xornadas do sábado e domingo no estadio da Alta.

O Damm de Barcelona fíxose co torneo tras impoñerse ó Bertamiráns por 5 a 0 na final a onde chegaron tras gañar en semifinais ó Romo na quenda dos penaltis. Do mesmo xeito se clasificaron os galegos para a final fronte ó Montañeros.

Máis aló do resultado no eido deportivo, destacou o compañeirismo e solidariedade desta cita xa que todo o recadado irán destinado á Fundación Aladina dedicada a apoiar a nenos con cancro e as súas familias.

O organizador do torneo, Julio Mariño, agradeceu a colaboración de tódolos clubs, patrocinadores e empresas que sumaron forzas por esta boa causa. Así mesmo, este encontro deixa unha gran pegada económica en toda a comarca posto que a maior parte dos establecementos hoteleiros e restauración colgaron o cartel de completo esta fin de semana dada a gran cantidade de xente que move o torneo con centos de futbolistas e as súas familias que se desprazan ata o Barbanza.