Caramelos e bolígrafos en troco de cigarros

    diasentabaco_100.jpgRIBEIRA> Renacer celebran o Día Mundial sen Tabaco cunha mesa informativa para explicar os graves prexuízos que carrea o hábito de prender un cigarro.

    Na rúa peonil de Ribeira, trocábanse cigarros por caramelos e bolígrafos. Con esta proposta saudable, dende a asociación Renacer tentaban concienciar ós viandantes da necesidade de abandonar o hábito de fumar no día no que se celebra o Día Mundial Sen Tabaco. As estatísticas falan por si soas. Segundo a Organización Mundial da Saúde, cada ano morren en España cincuenta mil persoas por mor do tabaco, dos cales tres mil son fumadores pasivos.

    {flowplayer}barbanza/diasentabaco.flv{/flowplayer}

    Deixar atrás o tabaco ten múltiples beneficios que se notan na saúde as corenta e oito horas de ter apagado o cigarro. Entre outros efectos, melloran o olfacto e o gusto. Transcorridos seis meses desaparecen a fatiga e as dificultades respiratorias e logo dun ano o risco de ataque cardíaco e similar ó de quen nunca fumou.

    700 euros ó ano

    Fronte a isto, a cuestión económica adoita estar detrás da maioría dos intentos de aqueles que tentan deixar de fumar, que se incrementaron nos últimos meses. Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios, un fumador pode chegar a gastar máis de setecentos euros ó ano.

    Segundo a OMS, a regulación do uso do tabaco en hostalería e determinados espazos o aire libre diminuíu o consumo de cigarros nun cinco por cento, o que supón mil falecementos menos ó ano. Malia todo, empresarios e fumadores seguen sentíndose prexudicados pola lei. Tan só os non fumadores e aqueles que desexan deixar o hábito apoian maioritariamente a norma. Con todo, apagar o cigarro sempre é unha boa opción e será mellor se ademais é para sempre.

    Redacción Barbanza