A Deputación lanza unha campaña contra o acoso sexual

PONTEVEDRA> O Atlantic Fest será un dos escenarios da nova iniciativa da Deputación Provincial. A institución quere concienciar contra o acoso sexual, cunha campaña que levará a todos os festivais amparados baixo a marca Rías Baixas Fest. Co lema “Lembra! Eu decido, ti respectas”, pon o acento sobre a violencia sexual que sofren as mulleres. Cada oito horas prodúcese unha agresión sexual. Son tres mulleres violadas a diario. Estes son datos do Ministerio do Interior, e unha cifra que a Deputación de Pontevedra quere combater. Hoxe, a institución presentou a súa campaña de concienciación contra o acoso sexual. Baixo o lema “Lembra! Eu decido, ti respectas” a campaña estrearase en todos os festivais que ampara a marca Rías Baixas Fest. Nos recintos haberá un postos de información móbil. Alí tamén terán merchandising, como gorros de palla e pegatinas. A Deputación tamén editou 20.000 folletos a modo de guía de peto. 10.000 diríxense a potenciais agresores, buscando combater mitos e dándolles instrumentos para identificar comportamentos que poden ser constitutivos de delitos. Os outros 10.000 destínanse as mulleres, con oito consellos que buscan previr dous tipos de violencia sexual: a agresión en cita, cando o agresor é un amigo ou coñecido, e a submisión química, cando hai tóxicos que anulan a vontade. Esta campaña de prevención e educación diríxese principalmente aos adolescentes, por iso arrincará nos festivais, pero a intención da Deputación é que chegue aos centros educativos co vindeiro curso escolar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí