PONTEVEDRA> O peche definitivo da avenida Raíña Vitoria ao tráfico xa é oficial. Este mediodía, o alcalde de Pontevedra asinaba o bando que formaliza esta decisión. En rolda de prensa, Miguel Anxo Fernández Lores defendía que se trata dun paso máis no modelo Pontevedra e que se adianta ás obrigas que chegarán dende Europa no 2023 coas zonas de baixas emisións. Tamén anunciou que se traballa nun proxecto para dotar toda a rúa de plataforma única, para logo crear o comprometido skatepark.
Xa é oficial. A avenida Raíña Vitoria de Pontevedra quedará pechada ao tráfico de xeito definitivo. Este mediodía, o alcalde asinaba o bando que formaliza esta decisión que, asegurou, dá un paso máis no “modelo Pontevedra”.
Agora, a intención do goberno local é dotar este treito da avenida de plataforma única. Algo que se fará o máis rápidamente posible. Sen esquecer, aseguran, o proxecto do skatepark.
Ademais, tomaranse medidas para paliar o incremento de máis dun 500% do tráfico que o peche provocou na rúa Palamios. Así, mudarase o sentido de circulación das rúas Ribeira dos Gafos e Ribeira dos Peiraos. A que hoxe é de entrada pasará a ser de saída e viceversa.
Fernández Lores tamén contestou aos que se opoñen a esta medida. Hoxe mesmo celebrouse unha manifestación en contra do peche, convocada pola plataforma Pon Pontevedra. Para eles, a sinatura do bando é un insulto a moitos cidadáns.
O alcalde asegurou que con esta medida Pontevedra avanza para asumir as obrigas que chegarán dende Europa no 2023, coa creación das zonas de baixas emisións.
Apoio da Federación Castelao ao peche
Na súa comparecencia, o alcalde estivo acompañado dos representantes da Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra. Para eles, o peche de Raíña Vitoria aos vehículos de motor é unha medida fundamental para evitar o tráfico de paso que concentraba esa zona.