POIO> Poio métese de cheo na súa Festa do Mar. Os mellores produtos da ría son os protagonistas indiscutibles dunha cita que se prolongará ata o domingo. Un atractivo máis, o gastronómico, para escoller o concello como destino desta última fin de semana de agosto.
Os manxares da ría reclaman o seu protagonismo na Festa do Mar de Poio. A cita arrincou este mediodía, dando o pistoletazo de saída a cinco días onde a mellor gastronomía será un dos principais reclamos.
Tralo pregón e ao son das gaitas, quedaba oficialmente inaugurada a Festa. Ao arranque xa eran moitos os visitantes que se achegaban ata a carpa gastronómica para degustar un variado menú.
A cita cumpre a maioría de idade, e a súa fama precédelle. Ninguén dubida de que a calidade será a principal característica de todos os pratos que porán sobre a mesa, baseados en produtos de proximidade e chegados directamente dende as lonxas á Festa do Mar.