Reclaman máis medios para a loita contra a violencia machista

    VILAGARCÍA> Colectivos feministas de Vilagarcía esixiron esta mañá dende a praza de Ravella máis fondos para a loita contra a violencia de xénero. Asociacións do municipio secundaron a concentración convocada a nivel nacional, a semana na que se aprobarán os orzamentos do Estado. O que piden é aumentar a 120 millóns de euros a asignación orzamentaria. Pasar das palabras aos feitos. Este cambio foi o que escenificaron este mediodía varios colectivos feministas dende a praza de Ravella. Denuncian que o Estado non destina os fondos suficientes á loita contra a violencia machista, a semana na que se van aprobar os Orzamentos Xerais do Estado para o 2017. No proxecto só se asingan 31 millóns de euros a esta partida, menos dun 1% do total das contas, dando un portazo ao pacto de Estado do 7 de novembro de 2015. Unha vez máis, os ámbitos educativos, sanitarios e de comunicación quedan sen atender. Por iso reclaman a consignación de 120 millóns de euros para loitar contra a violencia machista. Unha esixencia que se repetiu en máis de 200 concellos de toda España que secundaron a mobilización. O goberno de Vilagarcía sumouse á concentración, pero os colectivos feministas pediron unha maior implicación. Por iso, O soño de Lilith, Xtodas, Linfedema e as Asociacións de Mulleres Rurais de Guillán, Anduriña de Sobradelo e Abelaíña de Vilaxoán presentaron unha moción para o pleno instando ao concello a que presione ao goberno central en apoio desta demanda.