Os mozos de Boiro disporán dun carné xove para acceder a varios servizos

    leaverde_100_201006.jpgBOIRO > O concello de Boiro segue a desenvolver un amplo programa de actividades para a mocidade.

    ‘Leñaverde’ é un proxecto que, dende hai seis anos, vén desenvolvendo o concello co obxectivo de proporcionar á xente nova unha oferta lúdica e cultural de calidade. A principal novidade deste ano é a creación dun carné xove que permitirá a tódolos seus titulares acceder ós servizos concentrados no centro social da localidade tales como os locais de ensaio, a biblioteca universitaria, a aula de informática ou os locais para asociacións entre outros.

    leaverde_200_201006.jpgAqueles mozos, de entre trece e trinta e cinco anos, que desexen contar con estas vantaxes poderán facelo de xeito totalmente gratuito, solicitando a súa tarxeta nas dependencias do centro social ou ben a través da web todofume.com onde poderán atopar información complementaria. Ademais, os titulares dos carnés recibirán información dos distintos eventos a celebrar no municipio a través de correo electrónico ou mensaxes sms. Tamén, de forma periódica, se lles fará entregas das distintas publicacións editadas polos departamentos de mocidade e cultura.

    Outra das novidades importantes do proxecto Leñaverde é a organización do certame ‘Mobilízate’ incluido no Festival Audiovisual ‘Acción’ que se desenvolverá en Boiro a primeira fin de semana de novembro. Os mozos que desexen participar deberán presentar curtametraxes que soamente deben cumprir un requisito: estar gravadas integramente cun teléfono móbil.

    Ademais do deseño do programa Leñaverde de xeito anual, o concello está a desenvolver outras moitas actuacións en materia de mocidade. Neste ano, habilitaranse os locais de ensaio para grupos musicais e unha aula multimedia no centro social. Así mesmo, estase a traballar na elaboración dunha unidade didáctica entre os departamentos de Urbanismo e Mocidade, para que os mozos do concello poidan incluír nocións urbanísiticas no seu programa académico. O ‘Arte na Rúa’ será novamente un dos contidos principais das actividades para mozos co obxectivo de desenvolver as capacidades creativas con total liberdade.

    Redacción Barbanza