Terra de Asorei invita á reflexión no Foro do Albariño

    MEIS> Terra de Asorei aposta por un sector vitivinícola adaptado ao século XXI. Esta transformación será a cuestión central do Foro do Albariño que a adega organiza dende hai sete anos, e que se celebrará o venres 30 de xuño no Pazo Ulloa de Cambados. “Estratexias para a adega do século XXI”. Este é o título do sétimo Foro do Albariño que organiza a adega Terra de Asorei. Un encabezado que é toda unha invitación ao sector á reflexión. A cita será o venres 30 de xuño no Pazo Ulloa, de Cambados. Pola xornada pasarán o presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Emilio Pérez, o catedrático de Economía da Universidade de Santiago, Edelmiro Iglesias, o presidente de Adegas Terras Gauda, Xosé María Fonseca, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Segundo o presidente de Terra de Asorei, a adega naceu da reflexión. Unha actitude que queren seguir mantendo, compartíndoa ademais con todo o sector vitivinícola. Un ano máis, a asistencia ao foro é gratuíta, pero precisa de inscrición previa no email info@terradeasorei.com. No acto Terra de Asorei presentará a nova imaxe do seu albariño Pazo Torrado, que virá acompañada dunha cata dos tres caldos que elaboran. A actuación da cantante María do Ceo será a encargada de pechar a xornada.