VILAGARCÍA> José Luis Villanueva xa é oficialmente patrón maior da confraría de Carril. Este mediodía, Villanueva tomaba posesión e recuperaba a dirección do pósito carrilexo. Como tarefas por diante, o parquista marca dúas principais na axenda: revisar a situación da confraría e a organización da Festa da Ameixa de Carril, envolta de polémica polos desencontros co concello. Ao redor da 1 e media do mediodía, José Luis Villanueva recuperaba o seu posto como patrón maior da confraría de Carril. Este venres tomaba posesión nas oficinas do pósito, iniciando de xeito oficial un mandato que comezará revisando a situación da confraría. Villanueva volveu lamentar que moitos dos proxectos pendentes teñan que agardar ao ano que vén para poder saír adiante por mor dos retrasos nos prazos. Gabou tamén o equipo que o acompañará neste novo mandato, despois de que a cascada de dimisións no mes de marzo forzara o seu cese como patrón. Agora ten por diante outro reto: a organización da Festa da Ameixa de Carril, envolta en polémica polos desencontros da confraría co concello de Vilagarcía pola súa coincidencia en datas co Festival das Revenidas e o Combate Naval. A intención da confraría é seguir adiante coa cita, que ademais este ano cumpre un cuarto de século de existencia. A pesares dos desencontros, o patrón volverá tender a man ao concello. Villanueva recordou que o obxectivo da festa é dar a coñecer a ameixa de Carril aos visitantes. Algo que perde sentido se se celebra despois da tempada alta do turismo en Vilagarcía.
Inicio Salnés - Caldas









