Os namorados buscan xa agasallos para sorprender á súa parella por San Valentín

VILAGARCIA> Xa está aquí San Valentín e os namorados buscan xa algún detalle co que agasallar á súa parella. Entre os produtos máis demandados: as flores ou algo doce. De momento, as vendas mantéñense, porque seica agardamos á véspera ou mesmo ó propio día 14 para face-las compras.

O Día dos Namorados supón para moitos un auténtico desafío. Atinar co agasallo perfecto pode ser unha tarefa imposible. Cada vez son máis os que apostar por algo doce co que sorprender. Ademais de ser un agasallo saboroso, tamén resulta válido para tódolos petos.

A día de hoxe, no mercado atopamos múltiples combinacións, pensadas para tódolos gustos, aínda que tamén podemos construí-lo agasallo ó noso xeito.

Pero elas, as flores, son unhas das grandes protagonistas do Día dos Namorados. Hainas de tódalas cores e de tódolos arrecendos, pero de entre todas elas, hai unha raiña: a rosa.

E dentro das rosas mesmo atopamos algunha novidade: as rosas preservadas. Ó tacto son idénticas ás convencionais, non precisan auga e consérvanse durante dous anos. Para os que desexen un agasallo máis duradeiro, outra das opcións é mercar unha orquídea.

Seica en xeral, os prezos mantéñense como no resto do ano, agás a rosa. As vendas, polo de agora, mantéñense. Os namorados agardan ata o último momento para face-las súas compras.

E non crean que isto de agasallar mulleres só vai nunha dirección: cada vez é máis frecuente que sexan os homes os que reciben un ramo de flores por San Valentín. Porque a ninguén lle amarga un doce, nin tampouco o arrecendo dunhas rosas.