O PP descólgase da moción presentada por CxO sobre o peche do CEIP Emilio de Navasqüés

    OUTES> O peche do colexio Emilio de Navasqüés centrou a sesión plenaria celebrada este xoves en Outes. Debatíase unha moción de apoio á comunidade educativa, presentada por Compromiso por Galicia, que contou co respaldo de toda a corporación a excepción do PP, que votou en contra. Gran expectación no pleno ordinario celebrado este xoves en Outes coa asistencia de boa parte da comunidade educativa do Colexio Emilio de Navasqüés. Na orde do día figuraba unha moción impulsada por Compromiso por Outes na que instaba á corporación a rexeitar o peche do centro decretado pola Consellería de Educación. O voceiro desta formación explicou os motivos polo que se opoñen a esta medida, que critican tanto na forma como no fondo. Na forma por telo comunicado o último día do curso e sen previa consulta ós afectados e no fondo por truncar un proxecto educativo que viña funcionando con éxito e que de cara ó próximo curso contaría con cinco alumnos máis. Cinco alumnos que implicarían a apertura dunha nova aula de infantil e a contratación de dous novos mestres. Plans para o vindeiro curso que quedan en suspenso trala repentina decisión da Consellería de pechar o centro. A pesar das peticións por parte dos grupos da oposición, o grupo de goberno votou en contra da moción. Carlos Crespo, encargado de defender a postura dos populares, explicou que o peche do centro non depende da administración local. Criticou ademais a forma en que se realizou a comunicación da que tampouco o goberno tiña coñecemento. Sen embargo, explicou que o peche do colexio non repercutirá na calidade educativa, posto que non se pechará ningunha aula e haberá dúas clases por nivel con ratios moi por debaixo da media. Manteranse ademais tódolos servizos complementarios. A falta de apoio dos populares indignou ó colectivo de pais presentes no salón de plenos. Antes de rematar o pleno, unha representante da comunidade educativa tomou a palabra para expresar o malestar existente entre pais, alumnos e mestres ante o inminente peche do centro.