Ánxela Franco non dimite e seguirá como voceira municipal do BNG

    PORTO DO SON> A voceira do BNG de Porto do Son, Ánxela Franco, tomará posesión finalmente coma concelleira o próximo sábado, no pleno de constitución da nova corporación municipal, dando marcha atrás na súa decisión de renunciar. Franco reconsiderou a súa decisión debido o acordo da asemblea local da formación de non aceptar a súa marcha. O responsable local, Santiago Suárez, sinalou que por razóns organizativas e de traballo político, considerouse oportuno a continuidade de Ánxela Franco. O que si abandonará será Xosé Manuel Alonso, número 2 da candidatura, que non recollerá a súa acta por problemas persoais. O seu posto será ocupado por Xoán Xosé León.