PONTEVEDRA> O parricida confeso de Moraña, pendente de veredicto. Será mañá cando o xurado se retire a deliberar, despois de dúas sesións de xuízo. Hoxe, a defensa de David Oubel asumiu todas as acusacións da Fiscalía, despois de que onte fora o propio parricida quen confesara os feitos. De ser declarado culpable, estaría ante a condena de prisión permanente revisable. O xuízo contra o parricida confeso de Moraña encara a súa recta final. Mañá o xurado retirarase a deliberar, despois de escoitar os informes dos peritos que pasaron hoxe pola sala. Ao final da sesión, a defensa de David Oubel modificaba as súas conclusións preliminares nas que alegaba o trastorno mental transitorio do seu cliente. Trala confesión de onte do acusado, o letrado manifestaba a súa conformidade con todas as conclusións e acusacións que recolle a Fiscalía. Para o Ministerio Fiscal, os feitos son dous delitos de asasinato con aleivosía agravados. O feito de que as vítimas foran menores de 16 anos fai que, de ser declarado culpable, Oubel teña que cumprir a condena de prisión permanente revisable. Pola súa banda, a sesión desta mañá tamén serviu para modificar as conclusións previas da defensa. Finalmente, decidiron retirar o agravante de asañamento, aínda que manteñen a petición da prisión permanente revisable para o parricida confeso. Hoxe, os especialistas que se encargaron da avaliación psíquica de David Oubel concluíron que non presentaba ningún trastorno grave que anulara a súa vontade no momento do crime. Tamén detectaron falta de empatía e frialdade, con rasgos dunha personalidade narcisista. Ao remate da sesión, o asasino confeso non quixo facer uso da súa última intervención. Pola súa banda, os forenses responsables da autopsia das pequenas explicaron que foron degoladas cunha radial e un coitelo, despois de inxerir unha mestura de sedantes. Segundo o seu relato, o cóctel tivo menos efecto sobre a maior, que si se resistiu e intentou fuxir do ataque.
Inicio PONTEVEDRA











