PONTEVEDRA> O BNG e o PSOE volverán ir da man en Pontevedra para aprobar os orzamentos municipais para o ano 2026. Son unhas contas récord, que superan os 103,7 millóns de euros e que hoxe foron presentadas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o voceiro socialista, Iván Puentes. Ambos coincidiron á hora de destacar o bo entendemento entre as dúas formacións. A intención é aprobar as contas no pleno canto antes.
BNG e PSOE volverán unir forzas para aprobar os orzamentos para Pontevedra neste 2026.
Estes orzamentos marcan un novo récord. Acadan os 103,7 millóns de euros, superando en algo máis de 5 millóns os do ano pasado. Máis da metade dos fondos destinaranse a gastos correntes, capítulo que recolle o novo contrato de residuos. Tamén medra en máis dun 24% o capítulo de investimentos, ata os 14,9 millóns de euros.
Antes de chegar a un pacto, socialistas e nacionalistas analizaron o estado dos acordos do ano pasado. Segundo o PSOE, un 80% cumpríronse ou están en proceso. Agora inclúen propostas que superan os 10 millóns de euros.
Tanto Lores como Puentes foron moi críticos co papel do PP. Segundo o alcalde, aínda que foi convidada a facer achegas aos orzamentos, non realizou ningunha.
A intención das dúas partes é que o pleno poida aprobar os orzamentos para o 2026 canto antes.











