O alumnado do Carlos Oroza ‘resucita’ a cociña do Palacete das Mendoza

PONTEVEDRA> As cociñas do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, en Pontevedra, trouxeron ata a actualidade o refinamento da gastronomía de principios do século XX. Hoxe elaboraron un menú baseado no libro ‘As 1.001 receitas do Palacete das Mendoza’, de Ángel Arcay. Un repaso do legado gastronómico que deixaron as irmás Concha e María Mendoza Babiano.

Dende as mellores festas da Pontevedra de principios do século XX aos pratos dos comensais do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. As receitas das irmás Concha e María Mendoza Babiano fixéronse hoxe realidade nos fogóns do centro.

Para a ocasión escolléronse oito pratos sacados do libro As 1.001 receitas do Palacete das Mendoza. Unha recompilación que leva a firma do investigador Ángel Arcay Barral.

A obra é moito máis que un receitario: o pontevedrés Ernesto Vázquez fíxose cargo da biografía das irmás e os xornalistas gastronómicos Ana Vega e Jorge Guitián contextualizaron as receitas na historia da gastronomía española. Tamén interviu o chef do Carlos Oroza Ricardo Fernández, que analizou as particularidades da cociña do palacete. Que non son poucas.

Deste libro naceu a actividade que se desenvolveu no Carlos Oroza e que foi a culminación de varias xornadas de traballo do alumnado, encargados de completar e traducir á linguaxe das cociñas as anotacións de Concha e María Mendoza.

A ocasión merecíao así que non só no menú detectamos a refinada pegada das irmás Mendoza. O alumnado preparou un servizo moi especial.

As figuras de Concha e María Mendoza serán tamén as protagonistas dunha exposición que se inaugurará no Museo de Pontevedra o vindeiro xoves 24 de febreiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí