O concello divide a rúa Gorgullón para evitar o tráfico de tránsito

PONTEVEDRA> Revolución no tráfico na zona do Gorgullón. A partires do 24 de febreiro o concello reorganizará a circulación de vehículos para reducir o seu paso pola zona peonil. A rúa converteuse nunha alternativa para os coches que queren evitar Eduardo Pondal; algo co que busca rematar o goberno local.

O goberno local busca rematar co tráfico de paso pola rúa do Gorgullón. Tralas obras de peonalización da vía, moitos vehículos emprégana para evitar pasar por Eduardo Pondal. Agora, o executivo reorganizará a circulación na zona para reducir este tránsito.

A intención é que só circulen polo Gorgullón os vehículos de servizos e de residentes. Para elo, farase un corte na metade da vía, á altura da rúa Muíño que da acceso ao paseo dos Gafos. Instalarase un pivote que dividirá a rúa en dous treitos: un entre a zona das estacións de autobús e tren e Muíño e outro entre ese punto e a saída por Eduardo Pondal.

Os vehículos poderán circular entre a avenida da Estación e a rúa Muíño, entrando pola estación e saído pola rúa da Moa ata Eduardo Pondal. Para acceder ao resto da rúa Gorgullón só poderá facerse pola travesía Eduardo Pondal, con sentido baixada.

Mañá o concello comezará co reparto de información pola vía. As restricións poranse en marcha a partires das 8 da mañá do luns 24 de febreiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí