O PP considera escandalosa a paralización do proxecto da piscina cambadesa

    O PP cualifica de escándalo que o goberno local de Cambados e a Deputación teñan paralizado o proxecto da nova cuberta da piscina cambadesa, dous anos despois de que o PP presentara o proxecto inicial, cando aínda gobernaba en concello e deputación. Esta mañá os voceiros do grupo popular provincial comprobaron o seu estado. Os voceiros do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Nidia Arévalo e Angel Moldes, estiveron esta mañá en Cambados acompañando ó deputado e voceiro do grupo local, Luis Aragunde , na súa visita á zona da piscina municipal de Cambados. O obxectivo, era poñer de manifesto a desconformidade dos populares coa xestión que tanto goberno local como Deputación están levando a cabo co proxecto da nova cuberta para a piscina. UN proxecto, que quedaba en licitación cando houbo o cambio de goberno tanto en concello como en deputación, onde antes gobernaba o PP, con un total de 650.000 euros que se chegou a adxudicar. O pasado mes de maio, contratouse a redacción dun novo proxecto, o que ó partido popular lle parece un escándalo. Unha piscina que conta con 1.500 usuarios e que segundo o PP necesita contar cunha infraestrutura de calidade. E que ademais estas obras deben realizarse durante o verán, que é a temporada baixa desta instalación. Aragunde dixo que esta situación se debe á falta de xestión e á inoperancia do equipo de goberno actual. Algo que resaltou a deputada Nidia Arévalo, quen afirmou que é unha situación xeneralizada na comarca do Salnés. Para rematar o deputado Ángel Moldes quixo engadir que se os populares seguisen gobernando a situación había ser ben diferente.