CAMBADOS> Cambados pídelle ó SERGAS baixar de nivel e que se lle quite o seu peche perimetral. Atendendo á evolución dos seus datos, o goberno local xa se puxo en contacto coa xerencia da área sanitaria para trasladarlle esta petición, que tamén van remitir por escrito. No Concello confían en que no comité clínico de mañá corrixan esta situación.
Cambados quere pasar do nivel alto ao medio. No concello entenden que a boa evolución dos datos permiten face-lo cambio, que hoxe mesmo entrou en vigor.
O actual nivel implica que Cambados ten peche perimetral e que a hostalaría non pode servir no interior. Para o goberno local, unhas limitacións que non teñen sentido. Algo que xa trasladaron á xerencia da área sanitaria.
O novo peche perimetral ten o seu impacto no comercio, na hostalaría e tamén no día a día de moitos veciños, nunha comarca como a do Salnés, cunha alta mobilidade entre municipios.
Tino Cordal aproveita tamén para cuestiona-lo rosario de normas, cambios e rectificacións que derivan das decisións da Xunta. Cre que resulta imposible de comprender pola sociedade.
Mañá vaise reuni-lo Comité Clínico que asesora á Xunta. Un encontro do que Cambados podería saír cun alivio das restricións.