O Barbanza e Muros Noia reciben 250.000 euros da Xunta para a contratación de socorristas

PORTO DO SON> O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña desprazouse ata a praia de Río Sieira en Porto do Son para facer entrega do material ós socorristas que prestarán servizo nas praias. As comarcas do Barbanza e Muros Noia recibiron unha achega de douscentos cincuenta mil euros para a contratación do persoal de vixilancia nos areais. Estafin de semana, os socorristas de Porto do Son comezarán a prestar servizo nas praias de Río Sieira, As Furnas e Queiruga. En total serán dezanove profesionais contratados con cargo a unha achega da Consellería de Economía que ascende a cincuenta e sete mil euros. Precisamente, as comarcas de Muros Noia e do Barbanza son as bisbarras da provincia que máis fondos recibiron para a contratación dos profesionais que garantirán a seguridade nos areais durante todo o verán. A necesidade de reforzar o servizo en praias coma esta, máis perigodas, foi a principal razón pola que o concello de Porto do Son renunciou a solicitar as bandeiras azuis. A obtención destes distintivos obrigaría a destinar máis recursos a praias onde non son tan necesarios. En total, a Xunta destinará preto de seiscentos mil euros á contratación do servizo de socorrismo en toda a provincia da Coruña.