Nace a Fundación Ría como elemento potenciador de toda Arousa

    RIBEIRA> A nova lonxa de Ribeira acolleu a presentación da Fundación Ría, impulsada polo arquitecto británico David Chipperfield. O presidente da Xunta e as Conselleiras do Mar e de Medio Ambiente asistiron á posta de longo desta entidade centrada na potenciación de Arousa. Unha plataforma independente e profesional que una a axentes de diferentes sectores para contribuír o desenvolvemento de Arousa. Con esta filosofía nace a Fundación Ría- Rede de Innovación Arousa que esta mañá se presentou na lonxa de Ribeira. O promotor desta entidade expuxo os pasos dados neste ano no que se xestou a fundación . Hai agora doce meses a creación do Estudo Arousa permitiu estudar as características e as potencialidades deste territorio que ten ó mar como núcleo fundamental. Tras unha análise máis xeralista a Fundación céntrase agora en aspectos máis específicos divididos en catro áreas de traballo. O acto de presentación contou coa asistencia de numerosos representantes do eido profesional, social e institucional. O propio presidente da Xunta, acompañado polas Conselleiras de Mar e de Medio Ambiente, quixo apadriñar a posta de longo da fundación pola súa inestimable achega á planificación do territorio, campo no que traballa a reo a administración co deseño de novas ferramentas para o ordenamento urbanístico. Tamén dende o concello anfitrión traballan coa máxima excelencia no que respecta ó deseño urbano. De aí, os numerosos premios de arquitectura que están a recibir as actuacións de remodelación dos últimos anos. O respecto ecolóxico, a integración na paisaxe e a importancia do mar como xerador da identidade común son as premisas nas que se basea a Fundación Ría para impulsar económica e demograficamente unha comarca con tanto potencial como Arousa.