O PP de Ribeira critica a xestión do goberno trala renuncia voluntaria a fondos europeos

RIBEIRA> O PP de Ribeira denuncia a renuncia por parte do concello de parte da subvención do Plan para o Fortalecemento do Comercio. Os populares atribúen á mala xestión do executivo municipal a perda de preto de 300 mil euros de fondos europeos.

Son varias as obras proxectadas en Ribeira ó abeiro do Plan de Fortalecemento da Actividade Comercial en zonas turísticas que non chegaron a executarse. Entre elas, a mellora da accesibilidade na contorna da praza do concello ou un aparcadoiro disuasorio en Abesadas. Así ata 7 actuacións que motivaron a perda de 275 mil euros de fondos europeos.

O PP atribúe á xestión ineficaz do goberno a renuncia a estes fondos por non ter cumprido cos prazos e criterios da convocatoria, perdendo a oportunidade de dar un importante pulo ó tecido comercial do municipio.

Agardan que este non sexa o primeiro paso na renuncia a máis fondos con actuacións enmarcadas tamén neste Plan como pode ser a reforma da praza do Centenario, lonxe aínda de cumprir cos prazos de certificación establecidos na convocatoria.