BOIRO> O executivo boirense levará a pleno este xoves a súa proposta de orzamentos por 17’3 millóns de euros. Supón un incremento de algo máis do tres por cento con respecto ó anterior exercicio. Destaca a importante redución da débeda que se sitúa nun 26 por cento.
A proposta de orzamento que vén de presentar o goberno local de Boiro para o seu debate no pleno deste xoves ascende a 17.367.000 euros. Entre as partidas máis destacadas figuran os gastos de persoal que medran ata o 38,5 por cento xa que se pretende seguir a avanzar na actualización da RPT. No capítulo de investimentos destinaranse máis de 7 millóns e medio a financiar bens e servizos con numerosas obras de pavimentación no rural ou a parte correspondente á rehabilitación do campo de Fútbol da Mina do POS provincial.
Medran tamén as axudas a entidades e clubs deportivos, entre as que destacan dúas subvencións nominativas para a mellora das instalacións dos clubs náuticos de Barraña e Escarabote.
No apartado de ingresos medran ata o 9’37 por cento os correntes por mor do crecemento do ICIO e unha partida do Plan Único da Deputación dedicada a financiar gasto corrente.Estas contas arroxan un superávit próximo ós 650 mil euros e a redución da débeda ata o 26 por cento.











