Noia conmemora o 850 aniversario da súa fundación coma vila

NOIA> Para conmemorar tal efeméride o Concello organizou un acto institucional no Teatro Coliseo Noela que estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Un ateigado Coliseo Noela acollía esta mañá o acto institucional da celebración do 850 aniversario da Carta Pobra, o documento que acredita a fundación da vila, outorgado polo rei Fernando II, o nove de abril de 1.168. Para conmemorar tan significativa data o Concello organizou un acto institucional que estivo presidido polo  presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Na súa intervención destacou a importancia do acto, mostrando ademais o seu apoio ó recoñecemento e oficialización do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia coma ruta Xacobea. Un feito este que tamén foi destacado polo alcalde. Segundo Santiago Freire ese será precisamente o futuro desafío, o recoñecemento do Camiño do Portus Apostoli. Posteriormente a comitiva de autoridades trasladouse ata a Praza da Porta da Vila onde se procedeu á inauguración dunha escultura conmemorativa deste 850 aniversario da fundación da vila de Noia, realizada polo artista local Alberto Rodríguez Louro. Durante toda a semana desenvolveranse tamén diversas actividades relacionadas con esta efeméride como son as Xornadas da Historia ou diversas exposicións.