Vista Real mergúllase no legado de Pai Sarmiento

    VILANOVA> Gonzalo Durán visitou tras esta comisión ós alumnos do curso de historia da Universidade de Santiago que hoxe comezaba no Pazo de Vista Real, en Vilanova. Un alumnado que se mergulla ata o próximo xoves no legado que o Pai Sarmiento deixou ó seu paso polo Salnés. En 1745 Fray Martín Sarmiento percorreu un sendeiro de 190 quilómetros entre viñedos, vales e ríos, pola comarca do Salnés, para chegar en peregrinación a Santiago de Compostela. Unha ruta chea de historia e natureza que deu lugar, moitos anos despois, a unha variante do Camiño Portugués. “Arte, historia, xeografía e cultura na comarca do Salnés”, é o curso de verán que impulsa a Universidade de Santiago de Compostela centrado este ano na “Ruta do Pai Sarmiento”, un proxecto impulsado pola Mancomunidade do Salnés baseándose na viaxe realizada polo relixioso. Esta mañá o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, deu a benvida ós alumnos, no seu primeiro día de curso, que terá lugar no Pazo de Vista Real do concello, destacando a relevancia de coñecer a nosa historia. O alcalde aproveitou para lembrar que está previsto o comezo das escavacións do Castro de Cálogo, tras moito tempo agardando poder realizar este proxecto. Durante esta primeira xornada do curso interviñeron a doutoranda Alicia Padín, para falar sobre o pasado medieval da ruta, Celestino Lores, sobre o Camiño Portugués, Carlos Galbán arredor dos castelos do Salnés, e Natalia Conde sobre a imaxineira medieval. Os 13 alumnos matriculados, na súa maioría profesores de secundaria, enriqueceranse neste curso ata o próximo xoves, con xornadas que inclúen, ademais das charlas pola mañá, saídas de campo pola tarde, ós petroglifos de Vilagarcía, ou ó xacemento arqueolóxico da Lanzada.