Noia recuperou o seu pasado medieval reivindicándose como Portus Apostoli

    NOIA> Éxito de público da Feira Medieval de Noia que, nesta vixésima edición, atraeu ata a vila a miles de visitantes. Como novidade, o programa incluíu unha arribada de peregrinos que, a través dunha marcha nocturna, reivindica o papel histórico da vila como Portus Apostoli. Todos aqueles que se achegaron esta fin de semana a Noia, e foron moitos, empapáronse do espírito medieval que posuíu á vila. Centos de postos artesáns, animación de rúa a cada paso, xogos infantís e os máis variados espectáculos fixeron desta vixésima edición un éxito rotundo. Noieses e visitantes caracterizáronse para a ocasión e metéronse no papel vivindo a feira por todo o alto. Os nenos tiveron especial protagonismo cunha zona dedicada expresamente a eles, onde puideron participar en xogos medievais e mesmo enfrontarse ós máis temidos cabaleiros. Precisamente, os espectáculos dos torneos medievais foron algúns dos que contaron con máis espectadores xunto coa exhibición de cetrería ou os desfiles de cabaleiros. Tamén se reservou un espazo para a mostra de oficios tradicionais onde os asistentes tiveron ocasión de poñerse na pel dun oleiro ou asistir a unha demostración de traballo con vidro.Como ven, un programa moi completo que un ano máis consagra á de Noia como unha das feiras medievais máis consolidadas de toda Galicia.