O concello de Ribadumia devolverá os importes dos recibos da auga erróneos

RIBADUMIA> O concello de Ribadumia devolverá os importes dos recibos da auga de 2015 e 2016 nos que se detectaron erros. Segundo os cálculos do concello, tódolos veciños afectados recuperarán eses cartos nun prazo de 15 días, para despois volver tramitar outra vez as facturas correspondentes a eses anos.

A máis tardar, a comezos de febreiro, o problema dos recibos da auga inflados debería quedar resolto. Nese prazo, os veciños afectados deberían cobra-los recibos erróneos de 2015 e 2016, para –a continuación- volver a facturar eses mesmos anos coas cantidades correctas.

O alcalde da localidade reuniuse onte cos veciños afectados para explicarlles os motivos polos que se orixinou este problema cos recibos da auga. Ademais, o rexedor avanzou ós presentes que xa se tomaron medidas para evitar que este erro se volva repetir: contratouse unha empresa para que se encargue da lectura dos contadores e, ademais, se decidiu emiti-la factura da auga dúas veces ó ano, xa dende este 2018.

O rexedor aproveitou para acusar ó PP de manipular e mesmo engana-los veciños. David Castro engadiu incluso que os problemas do presente son herdanza da xestión da popular Salomé Peña.

Nun comunicado, o PP cualificou a reunión de onte do alcalde cos veciños como unha xuntanza de trámite. Os populares consideran que as explicacións dadas onte polo rexedor foron insuficientes e que Castro tentou confundir ós veciños culpando do erro á ORAL, á Xunta e tamén o anterior goberno local.