Concello e Subdelegación do Goberno manteñen a vixilancia policial en Monteporreiro

    reunionalcaldesubdelegado_100.jpgPONTEVEDRA > O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o Subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, entrevistáronse esta mañá …

    … a raíz do conflito xerado en Monteporreiro polo realoxo de tres familias procedentes do poboado chabolista de O Vao. Ámbolos dous políticos pediron a calma,e aseguraron que se están a efectuar as medidas preventivas necesarias para manter a convivencia cidadá no barrio pontevedrés.

    A entrevista desta mañá entre foi curta xa que dende ámbalas dúas partes reiteraron que teñen clara cal debe ser a actuación das administracións local e central para manter e dar unha solución ó conflito xurdido en Monteporreiro. De quen si aínda non obtivo unha resposta o alcalde de Pontevedra, é da Consellería de Vivenda, coa que o concello chegara a o acordo de non destinar máis vivendas de uso oficial en Monteporreiro.

    Pola súa banda os veciños recordaban onte que o seu rexeitamento ó realoxo das familias do Vao non ten unha orixe xenófoga ou racista, senón que se debe ó seu temor a que o barrio se converta nun foco de compra venta de drogas, como estaba a acontecer no Vao. Sobre isto, o portavoz do Goberno central en Pontevedra, Delfín Fernández, non aclarou se as familias teñen antecedentes penais ou están relacionadas co narcotráfico. Si avogou a que a tarefa da vixilancia e control na zona lle corresponde só a policía.

    Dende o mércores a policía nacional está a realizar unha serie de controis en Monteporrerio á entrada e saída do barrio. Ademais a policía local de Pontevedra visita dúas veces ó día ás familias procedentes do Vao, para vixiar que non se fagan obras de ningún tipo nas dúas vivendas que carecen da licenza de primeira ocupación.

    Redacción Salnés