Boiro Novo pide que se dote de rede de abastecemento á parroquia de Bealo

    BOIRO> Boiro Novo solicita a mellora da rede de abastecemento de auga en varios núcleos de poboación con deficiencias no subministro. Demandan ademais que se dote deste servizo á parroquia de Bealo. A rede de abastecemento municipal remata na Ponte Brea, no límite entre as parroquias de Cespón e Bealo. A pesar de que o anterior goberno bipartito deixara a conexión prevista neste punto, o actual executivo non acometeu ningunha actuación para continuar a rede. Ante as demandas veciñais, Boiro Novo levará a pleno esta solicitude. Na moción recollen tamén a necesidade de corrixir as deficiencias da traída en núcleos da parroquia do Castro como Valiño ou Petón que teñen graves problemas co subministro, especialmente durante o verán. Para acabar coa falla de presión e os cortes intermitentes do servizo, reclaman a instalación de novas canalizacións, nos casos que sexa necesario, que subsanen as deficiencias no sistema de bombeo.