Costas financiará a reforma do paseo marítimo de Vilagarcía despois do verán

    As obras de reforma integral do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril comezarán despois deste verán, e serán financiadas por Costas ó cen por cen. Así llo confirmou esta mañá a Xefa provincial ó alcalde vilagarciá, trala positiva reunión mantida onte en Madrid coa subdirección xeral de protección de costas. Costas e concello de Vilagarcía analizaron durante unha reunión mantida onte en Madrid, as fórmulas para acabar co constante gasto en reparacións do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril, unha infraestrutura creada nos anos 90. As obras desta reforma integral poderían comezar este mesmo ano, tal e como transmitiron desde a Subdirección Xeral Protección de Costas. Ambas entidades entenden que despois de case trinta anos é mellor realizar un investimento forte dunha soa vez que estar ano tras ano, destinando importantes cantidades de diñeiro ó mantemento do solado. Esta mesma mañá, a xefa provincial de costas, Cristina de Paz Cubera, confirmáballe ó alcalde, Alberto Varela, que o departamento asumirá a actuación, que prevése que comece tralo verán. A reforma integral podería incluír a ampliación do carril-bici que agora se ve interrompido ó comezo das vivendas, á altura da praia da Concha. Así como pasalo á banda do areal. Algo para o que é necesario promover un expediente de concesión administrativa e desafectación da zona afectada. Igualmente, Costas e concello seguirán analizando as posibles solucións á continuidade do paseo desde Vilagarcía ata Vilaxoán . Unhas alternativas que serán analizadas pola subdirección xeral de Costas, e que, en todo caso, serían consensuadas cos veciños.