As primeiras análises do móbil de Diana Quer non aportan datos relevantes

    POBRA> A análise do teléfono móbil de Diana Quer non aporta, de momento, datos relevantes á investigación. Deste xeito, complícase a reapertura do caso ó non achar nova información que podería axudar a esclarecer o acontecido. As últimas comunicacións rexistradas no móbil de Diana Quer non aportan información relevante sobre a desaparición da moza. É o que conclúen os investigadores da Unidade Central Operativa da Garda Civil, polo momento, tralo volcado e a análise da maior parte dos datos extraídos do télefono. Esfúmanse así as esperanzas depositadas na nova vía de investigación que abría o desbloqueo do móbil, unha operación levada a cabo hai unhas semanas nun laboratorio en Alemaña. A pesar de que a falla de probas dificulta a reapertura do caso, sobreseído temporalmente, si permite descartar algunhas hipóteses como a da desaparición voluntaria. No caso de que Diana planeara a súa marcha, debería ter realizado xestións que deixarían rastro no teléfono. Tampouco apareceron mensaxes nas que Diana se citara con alguén o día da súa desaparición, polo que gaña peso a teoría de que puido terse atopado cos responsables da súa desaparición de maneira fortuíta, cando volvía dende a casa do Xobre, a onde acudía a cambiarse de roupa a noite en que se perdeu o seu rastro. O sistema de xeolocalización do teléfono tampouco aportou novidades sobre os lugares nos que estivo Diana. O último sinal segue a rexistrarse nas inmediacións de Rianxo, onde apareceu o terminal despois de que algúen ó lanzase á ría dende a ponte da autovía en Taragoña. Con estes datos, os investigadores seguirán a centrar os seus esforzos na comarca do Barbanza, entre a Pobra e Rianxo, onde veñen traballando dende que Diana desparecera hai agora case un ano.