RIBEIRA> Boas novas de novo para o atletismo barbanzán. Ana Peleteiro vén de ser convocada pola Selección Nacional para participar en Londres, do catro ó 13 de agosto, nos Campionatos do Mundo de Atletismo. A atleta ribeirense achégase a estes Mundiais logo de estar a completar unha das súas mellores tempadas que a levarían a acadar a súa mellor marca persoal con 14 metros e 22 centímetros, o subcampionato de Europa sub-23 ou mesmo o Campionato de España desta pasada fin de semana. O concurso de Ana Peleteiro en Londres está fixado para o día cinco de agosto ás doce da mañá. Alí agardará facer un bo salto e meterse nas finais previstas para o día 7 a partir das nove e vinte e cinco da noite. Nos campionatos de Londres tomarán parte tamén outras dúas atletas galegas máis como son Solange Pereira e Belén Toimil.
Inicio Barbanza - Muros - Noia