Cabo de Cruz xa dispón dunhas modernas instalacións para a práctica do fútbol

    BOIRO> O alcalde, Xoán Xosé Dieste, procedía á súa inauguración oficial despois das obras levadas a cabo nos últimos meses e que supuxeron, entre outras actuacións, a instalación de céspede artificial de última xeración. Un número importante de veciños asistiron onte pola tarde á inauguración oficial do campo de fútbol de Valiño en Cabo de Cruz despois das obras levadas a cabo. Foi unha actuación integral, que supuxo ademais da instalación de céspede artificial de última xeración, unha renovación case total das instalacións incluíndo melloras nas casetas, nas gradas e tamén no alumeado. En total máis de 320 mil euros asumidos con fondos municipais. Segundo o alcalde a actuación permitirá favorecer principalmente ó deporte base local, seguindo na liña do traballo realizado polo equipo de goberno nestes últimos anos de ir mellorando as instalacións deportivas municipais. Xa no propio terreo de xogo, acompañado de moitos xogadores da escola municipal, o alcalde puido comprobar o resultado das obras, dándolle os primeiros toques ó balón sobre o novo terreo de xogo.