PONTEVEDRA> A nova estación para Pontevedra está cada vez máis preto. Esta mañá, Xunta e concello asinaron o convenio que dará o impulso definitivo a este proxecto. Como novidade, a intención do goberno autonómico é crear un espazo intermodal entre as estacións de tren e de autobús, para facilitar os desprazamentos entre ambas. Un espazo intermodal unirá as estacións de tren e autobús en Pontevedra. Esta é a aposta do novo proxecto para a cidade, que hoxe cobrou pulo trala sinatura do convenio entre a Xunta e o concello capitalino, que teñen o compromiso de consensuar os traballos. Ambas terminais estarán unidas por un itinerario peonil a pé de rúa protexido por unha pérgola. A actuación contempla tamén a reordenación da zona actual de aparcadoiro fronte a estación de autobuses, que incluirá unha parada de taxis e un espazo para parar diante e deixar ou recoller pasaxeiros. Suprimirase, ademais, a actual saída que se trasladará a Josefina Arruti. No marco deste proxecto a Xunta inclúe tamén 1,5 millóns de euros para a reforma da estación de autobuses. Unha intervención que renovaría a fachada e a cuberta, reordenaría espazos e melloraría sistemas eléctricos, iluminación e mobiliario. A actuación contará cun investimento de 4 millóns de euros. Un deles sairá das arcas municipais. A intención é que a obra estea contratada no segundo semestre de 2018, cun prazo de execución aproximado de doce meses. Rueda destacou que, ademais da estación intermodal, a Xunta tamén investiu cartos na capital para a ampliación de Montecelo, a reforma do antigo edificio administrativo de Benito Corbal, a variante de Alba e o novo edificio xudicial de A Parda.
Inicio PONTEVEDRA