A Misión Biolóxica lanza ‘Verdura Atlántica’, unha marca de ‘brásicas’ máis saudables e resistentes

PONTEVEDRA> ‘Verdura Atlántica’ é o selo creado pola Misión Biolóxica de Galicia para poñer en valor as brásicas. Que son as brásicas? A especie á que pertencen verduras ás que estamos tan afeitos como o grelo, a verza, o repolo ou o nabicol. Dende hai anos os seus investigadores traballan na obtención de variedades máis saudables, máis resistentes ás pragas, e mellor adaptadas a climas cálidos e secos. Hoxe presentaron nun showcooking os primeiros resultados do seu traballo.

O grelo, a verza, o repolo ou o nabicol son verduras clásicas na nosa gastronomía. E dende a Misión Biolóxica de Galicia decidiron darlles unha volta de torca. Hoxe presentaron a marca ‘Verdura Atlántica’ que engloba estes cultivos pero mellorados.

‘Verdura Atlántica’ é o resultado da suma de diferentes proxectos dos investigadores da Misión Biolóxica e de anos de traballo partindo de variedades locais.

Á presentación de hoxe asistiu un público composto por produtores. Da man do cociñeiro Gerson Iglesias puideron probar estas novas variedades de verduras melloradas xeneticamente.

O proxecto encara a súa fase final. Actualmente a Misión Biolóxica está a testar estas variedades no campo e no invernadoiro para coñecer a fondo o seu comportamento. Se os resultados acompañan, poderían chegar ao mercado.

Un xeito de enxalzar estas verduras tan galegas e de demostrar que aínda teñen moito que ofrecernos… e para sorprendernos.