Efectivos da Policía Nacional reforzarán a seguridade en San Roque

    VILAGARCÍA> Boa sintonía entre concello de Vilagarcía e a subdelegación do goberno en Pontevedra. Esta mañá, Ravella acolleu a celebración da xunta de goberno local, na que o alcalde e a subdelegada do executivo abordaron, principalmente, o dispositivo de seguridade que se porá en marcha de cara a semana de festas de San Roque. Festa da Auga, Combate Naval, Festa da Ameixa de Carril ou Revenidas. Son algunhas das citas que Vilagarcía acollerá na semana das Festas de San Roque. Eventos, todos eles, multitudinarios, que van precisar da colaboración entre Policía Local e Policía Nacional para garantir a seguridade. Ravella acolleu esta mañá a celebración da xunta local de seguridade para analizar todas estas cuestións. A Subdelegación do Goberno xa comprometeu o seu apoio, que seguirá na liña de anos anteriores. Como novidade, de ser preciso non desbotan recorrer á escuadra de cabalería. No encontro abordaron tamén a situación e as carencias da Comisaría de Vilagarcía. Ortiz recoñeceu que non está ao 100% dos efectivos, pero confían nas novas ofertas de emprego público que se lanzarán a partires de xaneiro do 2018. Ortiz e Varela insistiron en que Vilagarcía é unha vila segura e, aínda que non concretaron datos, aseguraron que o nivel de criminalidade é semellante ao rexistrado noutras vilas das mesmas características. Tamén destacaron a boa sintonía entre as Policías Local e Nacional.