Satisfacción a medias despois do encontro coa xerencia do Consorcio

    RIANXO> Aínda que non arrancaron un si á súa demanda dun centro de día para a localidade, si conseguiron un compromiso de que se habilitaría este servizo se existe unha ampla demanda. Nin si nin non. Dende a plataforma veciñal valoraron de xeito tibio a reunión mantida hai uns días coa xerencia do Consorcio Galego de Benestar, e na que tamén tomou parte o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro. Aínda que non obtiveron unha resposta afirmativa á súa demanda de construir un centro de día na localidade, si conseguiron arrancar un compromiso de levalo a cabo se existe uha demanda de alomenos 150 persoas cun grao de discapacidade de nivel dous ou tres, avalado iso si por un certificado médico. Ante esta situación, a plataforma acordou continuar co peche no salón de plenos do Concello. Unha protesta que manteñen dende hai unhas tres semanas, á que se uniran novas accións nos próximos días. O contido desa xuntanza tampouco deixou satisfeito ó executivo rianxeiro. Segundo o alcalde, Adolfo Muíños a resposta dada pola Xunta non ofrece unha saída factible nin a curto nin a medio prazo.