A aparición de novos restos arqueolóxicos obriga a reformular o proxecto do Museo do Mar

    NOIA> O proxecto de construción do novo museo do mar de Noia permanece paralizado á espera de remitir un informe a Patrimonio sobre os novos restos arqueolóxicos aparecidos trala demolición do antigo inmoble. Ademais de parte da muralla medieval, vestixio co que xa contaban os técnicos, apareceu o peirao de acceso e un treito de calzada. As escavacións realizadas nas parcelas onde se vai ubicar o Museo do Mar de Noia sacaron á luz moitos máis vestixios arqueolóxicos dos que se pensaba. No proxecto inicial para a construción do novo inmoble, que xa conta co visto bo de Patrimonio, prevíase a presenza no terreo de parte da muralla medieval. O equipo técnico vén agora da constatar a existencia dun ámbito moito máis amplo que precisará dunha nova autorización por parte de Patrimonio para proceder á cimentación do inmoble. Estes achádegos suporán tamén cambios nos usos do Museo do Mar que destinará a planta baixa a centro de interpretación destes restos para que poidan ser tamén apreciados polos visitantes. Dende o concello agardan que a resposta da Dirección Xeral de Patrimonio non se demore para retomar canto antes o proxecto de demolición do antigo museo e proceder á construción do novo centro.