A carreira popular nocturna de Noia terá lugar o próximo 2 de setembro

    NOIA> A proba, organizada polo Club Atletismo Noia, prevé mellorar a participación das edicións anteriores. Todo preparado en Noia para acoller a vinte e unha edición da carreira popular pedestre. A cita terá lugar o próximo domingo 2 de setembro. Como vén sendo habitual estará organizada polo Club Atletismo Noia, que contará coa colaboración do Concello e de varias casas comerciais. O trazado deste ano será idéntico ó da edición anterior, non demasiado esixente cunha lonxitude total duns nove quilómetros. A característica máis singular é que discorrerá de noite. O que sen dúbida a fará máis atractiva. Dende o Concello destacaron a importancia deste tipo de citas deportivas, que congregan a un gran número de persoas, e serven, ademais do aspecto puramente deportivo, para dar a coñecer a localidade. A organización márcase como reto este ano chegar ós oitocentos participantes sumando tódalas categorías dende os chupetes ata os senior e veteráns. O prazo de inscrición xa está aberto ata o día 1 de setembro a través da páxina web www.emesports.es.