Os sindicatos rexeitan o convenio marco proposto por ANFACO

    BARBANZA> A proposta da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos para o novo convenio marco do sector non deixou indiferente ós sindicatos. Critican o pretendido incremento de horas de traballo e cualifican de ridícula a intención de pagar parte dos salarios en especias. A proposta lanzada por Anfaco para o convenio laboral que rexería o quinquenio de 2015 a 2019 recolle unha suba salarial dun 0’5 por cento. Unha suba insuficiente para os sindicatos xa que o convenio propón tamén un aumento paulatino das horas de traballo que pasarían de mil setecentas trinta neste ano ata mil setecentas setenta en 2019. Tamén contempla que a distribución irregular da xornada poida chegar ata o quince por cento, dende o sete por cento actual. Pero o punto máis controvertido desta reforma é a posibilidade de que os traballadores percibisen un trinta por cento do seu traballo en forma de produtos e servizos. A proposta de Anfaco contemplaba a adopción de acordos voluntarios para levar a cabo plans de retribución flexible. Dende a patronal conserveira aclararon que só se aplicarían estas medidas previo acordo das partes e sempre que se cumpriran tres requisitos: que a retribución en diñeiro sexa superior ó salario mínimo interprofesional, que a suma dos cartos e dos produtos estea por riba do mínimo salarial fixado e que a retribución en especie non supere en ningún caso o trinta por cento.