Rianxo garante a protección dos terreos públicos ante posibles danos por mor das cortas forestais

RIANXO> O concello de Rianxo conta xa cunha ordenanza de protección de camiños públicos. A intención é garantir a reposición dos terreos públicos ó seu estado inicial cando se executen cortas ou traballos forestais que requiran o paso de maquinaria pesada.

O pleno rianxeiro deu luz verde a unha nova ordenanza municipal na que o goberno levaba tempo traballando para garantir a protección de camiños públicos e parcelas municipais afectadas polo paso de maquinaria pesada no caso de cortas e traballos forestais. As empresas encargadas destes labores terán que dar aviso previo ó concello quen se encargará de comprobar o estado inicial dos camiños, así como depositar unha fianza para asumir posibles danos.

A ordenanza establece tamén sancións aínda que só en caso de incumprimento do aviso ou depósito da fianza ou de que non se repoñan os terreos afectados ó seu estado inicial.

O alcalde aclarou que se trata dunha medida preventiva e, en ningún caso, recadatoria posto que quedan exentos os particulares que realicen traballos menores de poda ou desbroce.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí