VILAGARCÍA> A xunta de persoal do Hospital do Salnés busca o apoio dos concellos para defender a área sanitaria. Esta mañá, mantiveron un encontro cos representantes dos concellos de Vilagarcía, Cambados, A Illa e Ribadumia, para trazar unha fronte común contra o anteproxecto de lei sa Xunta. Consideran que dá un paso máis na privatización da sanidade pública, polo que responderán coa mobilización social. A xunta de persoal do Hospital do Salnés buscou alianza cos alcaldes da área sanitaria para defender o centro do anteproxecto de lei que quere levar adiante a Xunta. Unha proposta que, aseguran, é un paso máis na privatización da sanidade pública. A súa postura foi defendida tamén polos alcaldes. Ao encontro acudiron os rexedores de Vilagarcía, Cambados e A Illa de Arousa, ademais dunha edil do concello de Ribadumia. Catoira non puido asistir por problemas de axenda, o mesmo motivo co que desculpou a súa ausencia o alcalde de Vilanova. Un dos primeiros pasos, será elaborar unha moción conxunta para levar aos plenos de todos os concellos que forman parte da área sanitaria de O Salnés. Tamén apostan pola mobilización social. De feito, a xunta de persoal pon a disposición dos que o desexen un texto tipo para presentar suxestións. O vindeiro xoves a xunta de persoal manterá un encontro con concelleiros doutros grupos políticos e cos sindicatos. Tamén buscarán unha folla de ruta común coas áreas sanitarias de Monforte, Burela e O Barco, as outras afectadas polo anteproxecto.
Inicio Salnés - Caldas