Entretendas repartirá en Sanxenxo 8.000 euros en premios este Nadal

    SANXENXO > A asociación de comerciantes de Sanxenxo, Entretendas aposta forte pola súa campaña de Nadal. O Centro Comercial Urbano sorteará o 28 de decembro un total de 8.000 euros, repartidos nun único premio de 6.000 euros e noutros 20 de 100 euros cada un. Ademais organizou actividades na rúa para os días 23 e 24.

    O Centro Comercial Urbano Entretendas, de Sanxenxo, quere coidar non só ós seus asociados senón tamén ós seus clientes. Este Nadal, ademais de sumarse á campaña de promoción do Consorcio de Comercio do Salnés, Entretendas sorteará oito mil euros en premios entre os consumidores. O día 28 escolleranse os boletos premiados.

    O premio estrela, será de seis mil euros para un único gañador, que deberá gastalo nun só día, o 4 de xaneiro. Poderá darse un capricho de ata mil euros nun só comercio, gastar outro vale de 500 euros noutro establecemento e no resto poderá facer compras ata un tope de 300 euros en cada un. No sorteo sacaranse outras 20 rifas premiadas con 100 euros en vales de compra, que deberán cambiarse en establecementos asociados entre o 2 e o 6 de xaneiro.

    Os premios entregaranse o 30 de decembro durante a gala organizada polos comerciantes en colaboración con Avante. Será a partir das oito da tarde no Pazo Emilia Pardo Bazán e será presentado por Isabel Genio. Durante a festa haberá actuacións musicais e representarase tamén a montaxe teatral ‘Ti podes cambiar o mundo’.

    A campaña de Nadal de Entretendas complétase con outras actividades na rúa. O grupo O Caramuxo presentará o día 23 en Sanxenxo o seu espectáculo ‘Festa do dragón’ e o día 24 en Portonovo ‘Arco da vella’. Ademais, Papá Noel visitará o concello durante estas datas.

    Redacción Salnés