Os veciños de Valga deciden o xoves se cesan os cortes do tráfico ferroviario

    VALGA > Os veciños volveron a cortar a vía do tren esta tarde como veñen facendo desde que un convoi arrolou o pasado mércores o vehículo no que ían Jesús e Roberto Martínez e José García

    … Case unha semana despois da traxedia, Fomento achegará un borrador do proxecto para suprimir os pasos a nivel neste municipio. Será o xoves, e ata entón seguirán cortando o tráfico ferroviario.

    valgacortedavia_300_010507.jpgContinúan as mobilizacións veciñais en Valga, a pesar do compromiso do presidente da Xunta de que este xoves se achegaría ó Concello o delegado do Goberno e o xerente de ADIF cun borrador das actuacións que Fomento levará a cabo para suprimir os pasos a nivel. Nin Delegación do Goberno en Galicia nin Renfe teñen previsto tomar medidas para garantir ós pasaxeiros a normalidade no corredor Vigo-A Coruña, que vén sufrindo cortes continuos desde o fatídico accidente que lle custou a vida a tres veciños.

    Nunha asemblea improvisada onte, tralo anuncio que lles levou o alcalde os manifestantes acordaron continuar coas protestas alomenos ata o xoves e logo decidir que facer segundo as novas que lles traian de Madrid. A previsión era que Fomento puxese fin á práctica totalidade dos pasos a nivel coa execución das obras da Alta Velocidade. Pero eso non sería antes de 2010 e en Valga non están dispostos a esperar tanto. Así que piden que se habilite unha partida para adiantar a súa supresión. Os veciños volven logo a cortar a vía, sobre as oito da tarde, hoxe e mañá. Renfe anunciou xa que este corte pode afectar a miles de usuarios xa que coincide co regreso ás aulas, trala ponte, dos alumnos universitarios.

    Mentres, continúan as dilixencias xudiciais para averiguar as causas do accidente, que están en mans do xulgado número 2 de Caldas. O Concello de Valga xa se personou como acusación particular ó entender que os fallos no sistema foron os que provocaron a morte de Jesús e Roberto Martínez e José García. As familias das víctimas decidiron presentar unha denuncia conxunta contra o ADIF para depurar responsabilidades.

    Redacción Salnés