Comezan as obras para mellorar a accesibilidade na piscina de Noia

    NOIA> A piscina municipal de Noia permanecerá pechada durante dúas semanas. Neste tempo executaranse unha serie de obras encamiñadas a mellorar a accesibilidade das instalacións. As obras, xa iniciadas esta semana, consistirán na construción de baños adaptados tanto no vestiario masculinos como no feminino de xeito que se garanta a súa total accesibilidade. Nesta mesma liña, habilitarase unha rampla de acceso exterior. A maior parte dos traballos realizaranse aproveitando o parón técnico destas dúas semanas mentres que outras, aínda pendentes de licitación, compatibilizaranse co normal funcionamento da instalación. Ademais das obras, realizaranse os traballos de mantemento habituais do recinto e do vaso da piscina. Paralelamente, o concello está a avaliar unha nova actuación de aforro enerxética que permitirá substituír a bomba de calor por un sistema máis eficiente así como a dotación dun novo almacén exterior. Estas actuacións viranse sumar ás acometidas xa o pasado ano para liberar espazo e mellorar a accesibilidade do recinto.