Cincocentos cativos participarán no V PequeBasket de Porto do Son

    PORTO DO SON> A quinta edición do PequeBasket chega a Porto do Son a vindeira fin de semana. Entre o tres e o catro de xuño, máis de cincocentos deportistas en idade escolar participarán neste evento deportivo que vai camiño de converterse nun clásico. As pistas de Portosín darán cabida a vindeira fin de semana ó Quinto PequeBasket que organiza o concello en colaboración co Club de Baloncesto Porto do Son. Cincocentos xogadores e uns oitenta voluntarios participarán nesta cita deportiva que promove os aspectos lúdicos por riba dos competitivos. O sábado disputaranse os encontros nas categorías de Babybasket e Pre-MiniBasket. O domingo tocaralle a quenda ós equipos de minibasket e rematará a xornada cun All Star no que participarán xogadores de tódalas categorías. Dende o concello quixeron agradecer o labor do club local de baloncesto na organización dun evento que require un importante esforzo dado o alto número de participantes. O concelleiro de deportes lembrou que ademais de fomentar o deporte base, este tipo de encontros axudan a promocionar a vila e atraer novos visitantes.