Recolte introducirá novos medios de limpeza e recollida máis eficaces

    RIBEIRA> A empresa Recolte asumirá a partir deste venres o servizo de recollida do lixo de Ribeira. Disporá dun prazo de catro meses para a implantación das infraestruturas necesarias entre as que se plantexa a adquisición de novos medios máis eficaces. Ó longo desta semana, o concello traballa na recollida do material da antiga concesionaria para darlle traslado á nova empresa. O xoves pola tarde materializarase a entrega e a partir do venres, día un, Recolte disporá de catro meses para dotarse da infraestrutura necesaria para levar adiante o novo contrato. Esta mellora non incrementaría o custo do servizo xa que se compensaría a adquisición do novo material ó darse por amortizados os medios da anterior adxudicataria ó longo destes tres anos nos que Recolte non asumiu o servizo á espera da resolución do recurso presentado por Urbaser. Os servizos técnicos municipais estudan a viabilidade destas modificacións no contrato. De contar cun informe favorable o alcalde reunirá ós portavoces e convocará un pleno extraordinario para dar o visto bo á adquisición destes novos medios que implicarán tamén a colocación de contedores urbanos máis estéticos.