Portos investirá máis de corenta mil na mellora da seguridade do peirao de Cabo de Cruz

    BOIRO> Portos de Galicia investirá máis de corenta mil euros na mellora das condicións de seguridade e operatividade do porto de Cabo de Cruz. Ademais da mellora da sinalización e da reparación de varios elementos do peirao procederase á reparación do dique de abrigo danado polos temporais. Nos próximos días, darán comezo as obras de conservación e mantemento das instalacións portuarias de Cabo de Curz nas que a Consellería do Mar investirá máis de corenta mil euros. As actuacións principais consistirán na sinalización horizontal e vertical tanto nos viais de acceso como na explanada portuaria, a reparación de distintos elementos do cantil como as anelas de amarre ou bitas. Tamén se procederá ó asfaltado dunha superficie de aproximadamente cen metros cadrados para incrementar a seguridade viaria. Portos de Galicia iniciará ademais nas próximas semanas as obras de reforzo e mellora da escolleira e do espaldón para paliar os danos ocasionados polos temporais e garantir a seguridade das embarcacións que amarran no interior da dársena.