O BNG solicita unha xuntanza coa nova empresa de limpeza para coñecer o seu plan de traballo

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira solicita unha xuntanza cos responsables do novo servizo da recollida do lixo para coñecer o plan de traballo previsto. Pretenden que se corrixan as numerosas deficiencias que, segundo teñen recollido, se veñen detectando ata o momento na xestión do servizo. A través dunha campaña de participación cidadá desenvolvida polo BNG recibíronse numerosas queixas derivadas do funcionamento do actual servizo. Dende a falla de papeleiras ata a escaseza de limpeza urbana nalgunhas zonas como a avenida do Malecón. Denuncian ademais a mala planificación en épocas de maior de produción de residuos como é o verán. Os nacionalistas tamén botan en falla contedores específicos para a hostalería ou recipientes para depositar residuos especiais como o aceite usado. Co fin de mellorar estas deficiencias unha vez a nova empresa comece a operar, este mesmo venres, o BNG solicita manter unha xuntanza con responsables do goberno e da concesionaria co fin de obter información sobre o proceso de implantación do novo modelo.