O centro de saúde pechará oito tardes en setembro

    CAMBADOS> O concello de Cambados denuncia un novo recorte en materia sanitaria no municipio. Durante o mes de setembro, o centro de saúde pechará oito tardes. Dende a concellería de Sanidade, apuntan á falta de substitucións do persoal como motivo, e denuncian a intención privatizadora da Xunta de Galicia. No mes de setembro, os cambadeses verán reducido o horario do seu centro de saúde. Segundo anunciou o SERGAS, o ambulatorio pechará oito tardes; decisión que, segundo apuntan dende o concello, dificulta o acceso á sanidade de moitos veciños. Cordal non ocultou o seu malestar. Para el, esta medida é froito do afán privatizador da Xunta de Galicia respecto da sanidade pública, e un recorte máis nos servizos que padecen en Cambados. Tampouco gusta que dende o goberno autonómico non se notificara ao concello esta medida. Unha mostra máis, asegura, da falta de diálogo do executivo de Alberto Núñez Feijóo. Dende o concello cambadés xa amosaron en varias ocasións a súa oposición á política sanitaria da Xunta. A máis recente, a moción que apoiaron a semana pasada solicitando a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde, que convertirá a área sanitaria de O Salnés nun distrito da de Pontevedra.